BASE REGULADORA DAS SUBVENCIÓNS DO PROGRAMA DE INSTALACIÓN DE ASCENSORES

DOG - Xunta de Galicia -

ORDE do 14 de marzo de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións do Programa de instalación de ascensores e outros dispositivos de accesibilidade en edificios de tipoloxía residencial colectiva, nas súas vivendas dúplex e en vivendas unifamiliares, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018, con carácter plurianual. 

Recuperado de: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180326/AnuncioG0423-150318-0001_gl.html

 

II. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS E VIVENDA

ORDE do 14 de marzo de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións do Programa de instalación de ascensores e outros dispositivos de accesibilidade en edificios de tipoloxía residencial colectiva, nas súas vivendas dúplex e en vivendas unifamiliares, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018, con carácter plurianual.

O artigo 91.1 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, establece que o Instituto Galego da Vivenda e Solo desenvolverá políticas públicas de rehabilitación e renovación do parque de vivendas de Galicia atendendo a criterios de accesibilidade, sustentabilidade, aforro enerxético, mellora da calidade e conservación dos elementos singulares das construcións existentes.

Neste sentido, o Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan directrices para o desenvolvemento do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas, 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, sinala no seu artigo 5.2 que poderán ser cualificadas ou recoñecidas expresamente polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, como actuacións protexibles, as obras de adecuación das vivendas e dos seus accesos á normativa vixente da accesibilidade.

En Galicia existen moitas edificacións e vivendas que non están adaptadas ás persoas residentes con limitacións de mobilidade. Mediante esta orde preténdese incentivar a colocación de ascensores e outros dispositivos de accesibilidade, tanto en edificios de tipoloxía residencial colectiva, nas súas vivendas dúplex, así como nas vivendas unifamiliares, para favorecer o dereito á accesibilidade universal, no ámbito concreto da accesibilidade arquitectónica.

Mediante a Orde do 23 de agosto de 2017, aprobáronse as bases reguladoras aplicables ás subvencións do Programa de instalación de ascensores e outros dispositivos de accesibilidade en edificios de tipoloxía residencial colectiva, nas súas vivendas dúplex e en vivendas unifamiliares, e convocáronse para o ano 2017. Da tramitación administrativa deste programa observouse a necesidade de incorporar ás súas bases reguladoras unha serie de precisións para mellorar a xestión deste programa.

Esta orde axústase ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

De conformidade co establecido no artigo 11 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, a competencia para ditar esta orde correspóndelle á persoa titular da Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

ACORDO:

CAPÍTULO I
DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases que rexerán a concesión, a través dun procedemento de concorrencia non competitiva, de subvencións para a instalación de ascensores e outros dispositivos de accesibilidade en edificios de tipoloxía residencial colectiva, nas súas vivendas dúplex, así como en vivendas unifamiliares, que carezan deles (código do procedemento VI439A).

2. Así mesmo, por medio desta orde procédese á convocatoria destas subvencións para a anualidade 2018, con carácter plurianual.

Artigo 2. Definicións

Para os efectos do disposto nesta orde, os conceptos incluídos neste artigo serán interpretados e aplicados co significado e alcance seguintes:

a) Edificio de tipoloxía residencial colectiva: edificio composto por máis dunha vivenda, cuxo uso predominante sexa o residencial e que conte coa correspondente escritura de división horizontal inscrita no Rexistro da Propiedade.

b) Dúplex: vivenda de dous ou máis andares unidos por escaleiras interiores e sita nun edificio de tipoloxía residencial colectiva.

c) Vivenda unifamiliar: vivenda situada nun edificio independente, cuxo uso predominante sexa o residencial, e no cal non existe ningunha outra vivenda, así como aquela que, dispoñendo de varias alturas, constitúa un único predio rexistral.

CAPÍTULO II
BASES REGULADORAS

Artigo 3. Actuacións subvencionables

1. Será subvencionable a instalación de ascensores, de elevadores, de salvaescaleiras e demais dispositivos de accesibilidade en edificios de tipoloxía residencial colectiva, nas súas vivendas dúplex e en vivendas unifamiliares, que carezan deles.

2. Serán subvencionables as actuacións preparatorias que se realizasen antes da data da presentación da solicitude, os honorarios dos profesionais que interveñan, os informes técnicos e certificados necesarios e os gastos derivados da tramitación administrativa. Así mesmo, serán subvencionables os custos en equipamentos, en materiais, en obra civil e en man de obra necesarios para a instalación dos dispositivos de accesibilidade. No custo total das obras non se incluirán os gastos derivados de impostos, taxas e tributos.

3. Non serán obxecto de subvención as actuacións en que se iniciasen as obras antes da data de presentación da solicitude.

4. Só se subvencionará a instalación dun ascensor ou dun elevador por persoa ou comunidade de persoas propietarias. Non obstante, as comunidades con varios portais que non estean comunicados poderán solicitar unha subvención para cada un deles. Neste caso, as solicitudes deberán presentarse por separado, e indicarase o número de vivendas de cada portal.

5. Subvencionarase a instalación de dispositivos de accesibilidade complementarios ao ascensor ou ao elevador cando as limitacións de accesibilidade do edificio ou vivenda así o requiran.

6. O prazo de execución das actuacións, en ningún caso, poderá ser superior a doce (12) meses, contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución de concesión.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán obter a condición de persoas beneficiarias destas axudas as comunidades de persoas propietarias, as persoas físicas propietarias únicas de edificios de vivendas, as persoas físicas propietarias dun dúplex nun edificio de tipoloxía residencial colectiva e as persoas físicas propietarias dunha vivenda unifamiliar.

Para os efectos desta orde, considerarase como persoa propietaria única do edificio a persoa física titular do pleno dominio do edificio.

2. Para o caso de vivenda dúplex nun edificio de tipoloxía residencial colectiva e de vivenda unifamiliar, exixirase que os ingresos ponderados da unidade de convivencia da persoa beneficiaria non excedan de 3,5 veces o índice público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM).

3. As persoas propietarias de dúplex ou de vivendas familiares deberán residir na vivenda para a que se solicita a subvención, o que se acreditará co certificado de empadroamento.

4. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias aquelas que estean incursas nalgunha das causas previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. Non poderá ser beneficiaria desta axuda quen recibise axudas do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) para o mesmo tipo de actuación ao abeiro deste programa durante os cinco anos anteriores á correspondente convocatoria.

Artigo 5. Unidades de convivencia e cómputo de ingresos

1. Para o cómputo de ingresos, considérase unidade de convivencia o conxunto de persoas que habitan e gozan dunha vivenda de forma habitual e permanente e con vocación de estabilidade, con independencia da relación que exista entre todas elas. Unha unidade de convivencia pode estar composta por varias unidades familiares. A composición da unidade familiar será a que se estableza na normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante, IRPF).

2. No caso de vivendas dúplex en edificios de tipoloxía residencial colectiva e de vivendas unifamiliares, os ingresos das persoas membros da unidade de convivencia determinaranse de conformidade coa normativa reguladora do IRPF. Para estes efectos, procederase do seguinte modo:

a) Partirase da contía da base impoñible xeral e do aforro, reguladas nos artigos 48 e 49, respectivamente, da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do IRPF, correspondente á declaración ou declaracións presentadas por cada persoa da unidade de convivencia relativas ao último período impositivo con prazo de presentación vencido no momento da solicitude. De non dispoñer da correspondente declaración por non estar obrigado/a a tributar por este concepto, deberanse acreditar os ingresos mediante certificacións de ingresos emitidas pola Axencia Estatal da Administración Tributaria (en diante, AEAT), nóminas e seguros sociais. Nestes casos, deberá achegar, ademais, unha declaración responsable dos seus ingresos.

b) A contía resultante converterase en número de veces o IPREM en vigor no período a que se refiran os ingresos acreditados.

c) O número de veces do IPREM resultante ponderarase en función dos seguintes coeficientes multiplicativos, segundo corresponda:

Unidade familiar dun membro: 1,00.

Unidade familiar de dous membros: 0,90.

Unidade familiar de tres membros: 0,80.

Unidade familiar de catro membros: 0,75.

Unidade familiar de cinco ou máis membros: 0,70.

3. No suposto de que a unidade de convivencia estea composta por máis dunha unidade familiar das establecidas na normativa do IRPF, os ingresos de cada unidade familiar, convertidos en número de veces o IPREM e ponderados conforme o previsto neste artigo, sumaranse e o resultado debe ser inferior ao límite máximo previsto nestas bases reguladoras.

4. Se algún membro da unidade familiar é unha persoa con discapacidade, nos termos establecidos na normativa do IRPF, o coeficiente corrector aplicable será o do tramo seguinte a aquel que lle correspondese, conforme o previsto nos números anteriores.

5. Para o caso de que na unidade familiar houbese mulleres xestantes no momento da convocatoria, os concibidos e non nacidos contarán como membros da unidade familiar, para os efectos da aplicación do coeficiente multiplicativo corrector previsto no número 1.c) deste artigo, sempre que coa aplicación desta fórmula se obteña un maior beneficio. Igual tratamento terá a acreditación da adopción en trámite.

Artigo 6. Contía das subvencións

1. A contía das subvencións determinarase en función do número de vivendas da edificación e segundo a súa situación, de conformidade cos seguintes criterios:

a) Para as edificacións e vivendas sitas en ámbitos históricos e dos Camiños de Santiago:

– Vivendas unifamiliares e dúplex: 60 % do gasto subvencionable sen que poida exceder de 4.500 euros.

– Edificios de tipoloxía residencial colectiva cun número de vivendas igual ou inferior a 8: 60 % do gasto subvencionable, sen que poida exceder de 35.000 euros.

– Edificios de tipoloxía residencial colectiva cun número de vivendas superior a 8: 60 % do gasto subvencionable, sen que poida exceder de 28.000 euros.

b) Para as edificacións e vivendas que non estean situadas en ámbitos históricos e dos Camiños de Santiago:

– Vivendas unifamiliares e dúplex: 60 % do gasto subvencionable, sen que poida exceder de 2.500 euros.

– Edificios de tipoloxía residencial colectiva cun número de vivendas igual ou inferior a 8: 60 % do gasto subvencionable, sen que poida exceder de 25.000 euros.

– Edificios de tipoloxía residencial colectiva cun número de vivendas superior a 8: 60 % do gasto subvencionable, sen que poida exceder de 18.000 euros.

c) En calquera caso, cando a actuación consista na instalación dun salvaescaleiras a contía da subvención será dun 60 % do gasto subvencionable, sen que poida exceder de 1.000 euros, en caso de salvaescaleiras de cadeira, e de 2.000 euros, en caso de salvaescaleiras de plataforma.

2. No caso sinalado no número 5 do artigo 3, o importe da axuda determinarase aplicando por separado a subvención prevista para cada dispositivo, e sumando os importes resultantes.

3. Para os efectos desta orde:

a) Considéranse ámbitos históricos:

1º. Os que conten con declaración de conxunto histórico-artístico ou similar.

2º. As zonas ou contornos de protección delimitados, afectados pola declaración dun ben de interese cultural.

3º. Os inmobles que figuren nun catálogo de protección.

4º. Os conxuntos, zonas ou centros históricos así definidos no planeamento.

b) Considérase ámbito dos Camiños de Santiago: o comprendido na declaración de área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago realizada o 17 de decembro de 2010 pola Comisión Bilateral de Vivenda Xunta de Galicia-Ministerio de Fomento, segundo a relación dos trazados e das parroquias publicada na páxina web do IGVS http://igvs.xunta.gal/web/igvs/portada.

Artigo 7. Solicitudes

1. A solicitude realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta orde, que está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Deberá dirixirse á área provincial do IGVS onde estea situado o edificio ou a vivenda.

2. As comunidades de persoas propietarias e as súas persoas representantes deberán presentar a súa solicitude electronicamente, de acordo co establecido no artigo 14.2.b) e d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso de que presentasen as súas solicitudes presencialmente, requiriráselle para que as emenden a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. As persoas físicas deberán presentar a súa solicitude preferiblemente por vía electrónica. Tamén poderán presentala en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. No modelo de solicitude a persoa solicitante realizará as seguintes declaracións:

a) Declaración de que non obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para esa mesma finalidade.

c) Declaración de non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

d) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e ao artigo 9 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

e) Declaración responsable do representante da comunidade de persoas propietarias ou da persoa física solicitante de que o edificio ou a vivenda carece do dispositivo de accesibilidade que se pretende instalar.

f) Declaración de que todos os datos da súa solicitude son certos.

Artigo 8. Documentación necesaria para a tramitación do procedemento

1. Coa solicitude deberase achegar a seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa física solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados.

b) No caso de solicitudes en nome de comunidades de persoas propietarias, certificado da persoa que exerza as funcións de secretario/a, en que se recolla tanto o acordo de solicitar a axuda deste programa, como o nomeamento da persoa que a represente na tramitación do expediente, conforme o modelo que se xunta a esta orde como anexo II.

c) Anexo III, de comprobación de datos e declaración responsable da composición da unidade de convivencia, para o caso de persoas propietarias de vivendas dúplex e de vivendas unifamiliares. No suposto de non estar obrigado/a a presentar a declaración do IRPF, deberase presentar o modelo de devolución e copia da notificación-liquidación emitido pola AEAT. No suposto de que non se achegase o citado modelo, deberase achegar unha declaración responsable de todos os ingresos obtidos, á cal deberá xuntar, de ser o caso, o certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas en que estivese de alta no dito exercicio, certificado de pensións, prestacións periódicas, certificado do Servizo Público de Emprego e certificados das entidades bancarias de rendementos do capital mobiliario.

d) Proxecto técnico ou memoria, no caso de que non se requira proxecto, en que se describan axeitadamente as actuacións que se realicen, subscritos por persoa técnica competente. O proxecto ou a memoria identificará o edificio ou a vivenda, así como os datos que se refiren na solicitude e incluirá fotografías onde se amosen as zonas onde se realizarán as actuacións, e terá os seguintes contidos mínimos:

– Descrición detallada das actuacións que se pretenden realizar.

– Características do dispositivo de accesibilidade que se pretende instalar.

– Orzamento desagregado e detallado do investimento da instalación.

e) Nota simple rexistral da vivenda, no caso de persoas físicas solicitantes.

f) Copia da escritura da división horizontal inscrita no Rexistro da Propiedade, no caso das comunidades de persoas propietarias.

g) Licenza municipal de obras, no caso de que sexa necesaria pola actuación que se realice. No suposto de non contar aínda coa licenza, achegarase a correspondente solicitude de licenza.

h) Comunicación previa ao concello, cando a actuación non estea sometida a licenza. No caso de ter transcorridos máis de quince (15) días hábiles, contados desde a data da presentación da comunicación previa ao concello, esta deberá vir acompañada dunha declaración responsable de non ter sido requirido para a súa subsanación.

i) Certificado de discapacidade, no caso de non terse emitido pola Xunta de Galicia da persoa solicitante e, de ser o caso, das demais persoas que compoñen a unidade de convivencia.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo foron presentados. Presumirase que o acceso a estes documentos é autorizado polas persoas ou as comunidades de persoas propietarias, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

3. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, a área provincial do IGVS poderá requirirlle a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos contidos a que se refire o documento.

Artigo 9. Forma de presentación da documentación complementaria

1. As comunidades de persoas propietarias e as súas persoas representantes deberán presentar a documentación complementaria electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 14.2.b) e d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro. No caso de que se presentase a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

2. As persoas físicas deberán presentar a documentación complementaria preferiblemente por vía electrónica. Tamén poderán presentala en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

4. As persoas ou comunidades de persoas propietarias responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas. Excepcionalmente, o IGVS poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo coa copia electrónica presentada.

5. No caso de que os documentos que se presenten superen os tamaños máximos establecidos na sede electrónica ou teñan un formato non admitido, deberán seguirse para a súa presentación as instrucións da sede electrónica da Xunta de Galicia sinaladas no seguinte enderezo: https://sede.xunta.gal/documentacion-de-gran-tamano.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro, da persoa solicitante ou da súa persoa representante.

b) Número de identificación fiscal da comunidade de persoas propietarias.

c) Certificacións da AEAT, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, da persoa solicitante e, de ser o caso, dos demais membros que compoñen a unidade familiar.

d) Certificado da renda expedido pola AEAT da persoa solicitante e, de ser o caso, dos demais membros que compoñen a unidade familiar, correspondente aos ingresos do exercicio vencido inmediatamente anterior á data da solicitude, no caso das persoas referidas no artigo 4.2 desta orde.

e) Certificado do nivel de renda expedido pola AEAT da persoa solicitante e, de ser o caso, dos demais membros que compoñen a unidade familiar, correspondente ao exercicio inmediatamente anterior á data da solicitude, no caso das persoas referidas no artigo 4.2 desta orde.

f) Certificado de empadroamento da persoa solicitante propietaria de dúplex ou vivenda unifamiliar.

g) Certificado de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia da persoa solicitante ou, de ser o caso, das persoas que compoñen a unidade familiar.

2. Cando as persoas interesadas se opoñan a estas consultas, deberán facelo constar nos correspondentes cadros habilitados para tal efecto no anexo I e no anexo III e, ao mesmo tempo, achegar os documentos oportunos.

3. No caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución da tramitación da solicitude de subvención é competencia da área provincial do IGVS onde estea situado o edificio ou a vivenda onde se realicen as actuacións.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das subvencións.

Artigo 12. Procedemento de concesión e requirimentos de emenda

1. O procedemento iníciase de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a correspondente publicación da convocatoria.

2. O prazo de presentación de solicitudes será o establecido na correspondente convocatoria e, en todo caso, rematará co esgotamento da dotación orzamentaria da convocatoria, que será publicado no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

3. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os requirimentos de emenda poderanse facer mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación, tamén, se realizará na páxina web do IGVS.

4. O órgano instrutor remitirá o expediente ao servizo técnico das áreas provinciais para a elaboración dun informe, en que se definirá a tipoloxía das actuacións requiridas, a aptitude da solución técnica aplicable, o prazo máximo de execución e o orzamento da actuación. No caso de que exista diverxencia entre a entidade da actuación e o título habilitante achegado para a súa execución, o IGVS poderá requirir as aclaracións oportunas.

5. Unha vez completado o expediente e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, a persoa titular da xefatura da área provincial do IGVS emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos e elevará a proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas ou das comunidades de persoas propietarias unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos logo da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos, accedendo á carpeta do cidadán da persoa ou da entidade interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas non estean obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán presentalas presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Resolución e recursos

1. O prazo para resolver a concesión da axuda será de tres (3) meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Rematado o prazo máximo establecido sen que se dite e notifique a resolución, as persoas ou comunidades de persoas propietarias solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

2. A resolución de concesión indicará as actuacións subvencionables, o seu custo, as condicións que se deberán cumprir para a execución da obra, así como o prazo para a súa finalización. Ademais, fixará a contía da subvención concedida que, de ser o caso, poderá ter carácter plurianual.

3. Para os efectos da concesión das axudas, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes no rexistro da correspondente área provincial do IGVS; considerarase data de presentación aquela en que a solicitude quedase validamente presentada, por terse cuberto na forma correcta e vir acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta orde e na convocatoria. Non obstante o anterior, se as citadas solicitudes, dentro do prazo previsto na correspondente convocatoria para a súa presentación, fosen complementadas co achegamento da licenza ou, de ser o caso, da declaración responsable, terán como data de presentación aquela en que se achegase a citada documentación. As solicitudes que, vencido o prazo de presentación, fosen complementadas nos termos indicados, considéranse, en aras á prelación que se indica no parágrafo seguinte, como en posesión de solicitude de licenza ou, de ser o caso, de simple comunicación previa.

Dentro das solicitudes presentadas, terán prioridade aquelas que, dentro do prazo de presentación de solicitudes, conten con licenza de obras; de seguido, aquelas que conten con comunicación previa, acompañada da declaración responsable prevista no artigo 8.1.h) e, finalmente, as que só conten con solicitude de licenza ou de comunicación previa.

4. Contra a resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Artigo 15. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, de ser o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención.

Artigo 16. Causas de denegación

1. Será causa de denegación da solicitude da subvención o incumprimento dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras.

2. Así mesmo, serán denegadas aquelas solicitudes que non dispuxeran de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución.

Artigo 17. Xustificación da subvención

1. A persoa ou a comunidade de persoas propietarias beneficiarias deberán comunicar á correspondente área provincial do IGVS o remate das obras relativas a cada unha das anualidades concedidas. A comunicación deberá realizarse nun prazo máximo de 15 días, contado, ben desde o día seguinte ao da finalización das obras, ben desde o remate do prazo máximo fixado na resolución de concesión da subvención para a terminación de cada anualidade das obras. As comunidades de persoas propietarias deberán facer esta comunicación por vía electrónica; as persoas físicas deberán facer esta comunicación por esta mesma vía, cando fose este o procedemento elixido por elas. A comunicación realizarase xuntando o anexo IV desta orde.

2. A comunicación de execución parcial de obras deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Memoria económica xustificativa do custo das actuacións realizadas, en que se faga constar o cumprimento das actuacións da anualidade que lle corresponda xustificar e que conterá a relación clasificada de gastos polas actuacións realizadas, coas correspondentes facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, onde consten a identificación do acredor, o seu importe e a súa data de emisión, así como os documentos que xustifiquen o seu pagamento. Para estes efectos, o seu pagamento deberá xustificarse mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados polo solicitante.

O importe xustificado a conta non poderá ser superior, en ningún caso, ao 80 % do total da subvención, nin superar o importe máximo de 18.000 euros, nin excederá a anualidade prevista para cada exercicio orzamentario na resolución de concesión.

b) Memoria explicativa das obras realizadas por persoa técnica competente.

c) Fotografías que mostren as obras realizadas realizada por persoa técnica competente.

d) Copia de tres orzamentos, de conformidade co establecido no artigo 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no suposto de que o importe do gasto subvencionable da actuación supere a contía de 40.000 euros. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme os criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa, nos termos establecidos no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Licenza de obras, no caso de actuacións sometidas a este réxime, sempre que non se achegase con anterioridade.

f) No caso de actuacións non sometidas ao réxime de licenza, declaración responsable da persoa solicitante, de non ter sido obxecto de requirimento por parte do concello. Para o caso de ter sido requirido, acreditación da persoa solicitante de que o dito requirimento foi atendido.

3. A comunicación final das obras deberá ir acompañada, ademais de coa documentación sinalada nas letras a), b) e c) do punto anterior, coa seguinte documentación.

a) Certificado de finalización da obra.

b) Xustificante de ter realizada a inscrición da instalación no Rexistro de Aparellos Elevadores da consellería competente en materia de industria, no caso en que sexa obrigatoria.

c) Relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financien a actividade subvencionada, con indicación do seu importe e da súa procedencia.

d) Copia de tres orzamentos, nos termos establecidos na letra d) do número 2 deste artigo, no caso de non tela presentada anteriormente.

e) Licenza de obras, no caso de actuacións sometidas a este réxime, sempre que non se achegase con anterioridade.

f) No caso de actuacións non sometidas ao réxime de licenza, declaración responsable da persoa solicitante, a data do remate das obras, de non ter sido obxecto de requirimento por parte do concello. Para o caso de ter sido requirido, acreditación da persoa solicitante de que o dito requirimento foi atendido.

4. Transcorridos os prazos indicados sen que a persoa ou a comunidade de persoas propietarias beneficiarias presenten a documentación xustificativa da anualidade correspondente, o órgano instrutor requiriralla para que a presente nun prazo improrrogable de dez (10) días.

5. En ningún caso se admitirá a presentación de documentación xustificativa, parcial ou final, da subvención con posterioridade ao 30 de novembro de cada unha das anualidades comprendidas na resolución de concesión, salvo que o requirimento sinalado no número anterior se fixese dentro dos dez (10) días anteriores a esa data.

6. No caso de que o ritmo de execución das obras fose diferente ao establecido na resolución de concesión, poderán reaxustarse, logo de solicitude da persoa ou da comunidade de persoas propietarias, conforme o establecido no artigo 13 desta orde, as anualidades mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria para a súa realización.

7. No caso de non terse presentado a xustificación da anualidade correspondente nos prazos indicados, nin de térense reaxustado as anualidades, perderase o dereito ao cobramento da parte da subvención correspondente á citada anualidade, o que será notificado á persoa ou comunidade de persoas propietarias beneficiarias a través da oportuna resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

8. Unha vez presentada a documentación xustificativa e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, a persoa titular da área provincial do IGVS emitirá certificado acreditativo das verificacións realizadas, en que se detallarán expresamente os principais requisitos exixidos nas bases reguladoras e o alcance das comprobacións practicadas e elevará unha proposta de pagamento á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen resolverá en atención aos recursos económicos dispoñibles.

Artigo 18. Pagamento da subvención

O pagamento da subvención realizarase mediante transferencia bancaria na conta de titularidade da persoa beneficiaria, sinalada para estes efectos no anexo I.

Artigo 19. Obrigas das persoas beneficiarias

Ademais das recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas ou as comunidades de persoas propietarias beneficiarias terán as seguintes obrigas:

a) Executar as actuacións subvencionadas dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión.

b) Xustificar a execución coas facturas e documentos bancarios de pagamento en que se identifiquen as persoas ou comunidades de persoas propietarias beneficiarias.

c) Someterse ás actuacións de comprobación e inspección que o IGVS considere pertinentes ao longo do proceso de execución.

d) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

f) Subministrar ao IGVS, logo de requirimento para o efecto, de conformidade co artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas no título I da citada lei.

g) Realizar plenamente todos os investimentos obxecto da axuda, de modo que estean operativos e verificables a partir da data de xustificación do investimento.

h) Estar ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social no momento en que se aboen as subvencións.

i) As demais obrigas que se derivan desta orde.

Artigo 20. Perda e reintegro da subvención

1. Serán causa de perda e reintegro da subvención, ademais das previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o incumprimento das obrigas recollidas no artigo anterior. Así mesmo, poderá ser causa de perda da subvención a non comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.

2. O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención comportará, ademais das sancións que puidesen corresponder, o reintegro da subvención percibida, incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento, máis o 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e, de ser o caso, para facer efectiva a devolución, será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 21. Compatibilidade das subvencións

As subvencións previstas nesta orde son compatibles coas axudas que se puidesen recibir para as mesmas actuacións, sempre que o importe de todas elas non supere o seu custo, de acordo co establecido no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 22. Notificacións

1. As comunidades de persoas propietarias están obrigadas a recibir as notificacións das resolucións e demais actos administrativos por medios electrónicos. Para estes efectos, no anexo I deberán optar pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida unha opción diferente.

2. No caso das persoas físicas, as notificacións das resolucións e demais actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. Non obstante, deberán manifestar expresamente no anexo I a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). Sen prexuízo do anterior, poderán comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos. As notificacións que se practiquen en papel tamén estarán á disposición da persoa interesada a través da sede electrónica da Xunta de Galicia para que poida acceder ao seu contido de forma voluntaria.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude para estes efectos. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda a este.

5. Se a notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, o IGVS practicará a notificación por calquera outro medio dos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e co Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o IGVS publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das subvencións concedidas. Incluirá, igualmente, as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

CAPÍTULO III
CONVOCATORIA CON FINANCIAMENTO NO ANO 2018

Artigo 24. Obxecto

Mediante esta orde convócase, a través dun procedemento de concorrencia non competitiva, as subvencións para a instalación de ascensores e outros dispositivos de accesibilidade en edificios de tipoloxía residencial colectiva, nas súas vivendas dúplex, así como en vivendas unifamiliares, que carezan deles.

Artigo 25. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de maio de 2018 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, o que será publicado no Diario Oficial de Galicia mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Artigo 26. Orzamento

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.451A.780.8, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte repartición plurianual:

Anualidade 2018: por importe de 1.500.000 euros.

Anualidade 2019: por importe de 1.000.000 euros.

2. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional primeira. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e con entidades», co obxecto de xestionar o presente procedemento e de informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Dirección Xeral do IGVS. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o IGVS, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Área Central s/n, polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sx.igvs@xunta.gal.

Disposición adicional segunda. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, na Lei 40/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal, na Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión deste programa de axudas.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2018

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file